Elvira Ribeiro Tobío

Lémbrome bosquexando versos e historias desde que comecei a saber escribir. Aínda podo recordar esa primeira fascinación pola palabra, o refuxio que chegaba a ser. Bastantes anos despois daquel deslumbramento inicial foron saíndo algúns volumes de poemas cos títulos de Andar ao leu, Arxilosa, Biografía da Multitude, carnia haikai, corpos transitivos e Welcome to Sing Sing. Tamén viron a luz catro libros para a rapazada: pAlAbrAs brAncAs, As redes de Inés, Ola! Son un bicho bóla! e Mar de mazá, que falan de canto me gusta xogar coas palabras, como cando era nena. E viñeron premios e xanelas abertas a outros universos poéticos… Ás veces imparto clases de lingua e literatura galega ou española (e mesmo de matemáticas!), noutras ocasións fago traducións e reviso textos, tamén dirixo obradoiros de escrita, coordino algún premio literario, participo en lecturas e festivais, colaboro en libros colectivos e publicacións periódicas… e ata fago cerámica artística! E sempre tento que haxa algo de poesía en cada cousa que fago.