que ofrecemos?
Poñemos á túa disposición a experiencia que cada un de nós foi adquirindo en diferentes eidos, non só na coordinación de obradoiros literarios senón tamén no noso papel de autoras, no ámbito académico, na práctica editorial ou na xestión de certames literarios. Ao mesmo tempo, estamos en contacto coas novas propostas literarias e mantemos unha ollada atenta sobre a literatura galega que transcende o seu propio eido e non perde de vista a dimensión internacional.
Desde estas bases, ofrecémonos para axudarche a desenvolver as túas destrezas creativas na escrita, explorando diferentes recursos literarios, xunto con nocións prácticas de como aplicalos: a idea é sempre aprender facendo.
Orientámoste á hora de cultivar a túa propia voz literaria e sacarlle partido ás diversas técnicas e formas do texto en relación ao estilo que máis che interese.
Queremos brindarche un espazo no que compartir o teu traballo e amosarche ferramentas que che permitan avaliar o resultado dese proceso. O obxectivo é mellorar as túas propias capacidades para identificar e recoñecer no texto literario os mecanismos que permiten o seu funcionamento, os fíos cos que a obra se tece.
Consulta ao pé as convocatorias que temos abertas neste momento. E, se che queda algunha dúbida, mira a nosa sección Preguntas frecuentes.
obradoiros individuais
Axudámosche a darlle forma ao teu proxecto persoal ofrecéndoche un obradoiro de escrita adaptado ás túas necesidades: lecturas críticas plurais e claves para levar o teu traballo a bo porto. [Ler máis]
obradoiros presenciais
Un obradoiro presencial en grupo é un espazo no que facer que o teu traballo literario se expanda, coa axuda dun conxunto activo de lectores e lectoras de confianza, interesadas en medrar contigo. [Ler máis]
grupos en liña
Os obradoiros de escrita en liña son como os obradoiros en grupos presenciais pero máis doados, porque accedes desde a casa cunha maior flexibilidade e en grupos máis pequenos.
[Ler máis]
obradoiros individuais
Os obradoiros individuais están orientados, en principio, a persoas cunha proposta literaria concreta e cun obxectivo de traballo definido. A idea é axudarche a desenvolver o teu proxecto, a afinar os detalles, a revisar, corrixir e evolucionar un proxecto literario concreto. Non se trata de facer un libro para gañar un premio ou para conseguir unha editora. Trátase de desenvolver completamente un obxecto literario e, unha vez rematado, pensarmos xuntas o que facer con el.
Queremos servirche de apoio e guía para desenlear ese proxecto que tes e que non consegues sacar adiante. Tanto ten se está escrito e precisa revisión como se está aínda xermolando. A idea é ofrecerche a nosa experiencia diversa e plural para que o teu proxecto teña o mellor destino posíbel. Traballamos desde a túa voz, amosándoche os recursos que poden axudarche a desenvolvela forte, que medre e se expanda.
obradoiros en grupo
Os obradoiros en grupo son o mellor invento se estás tentando medrar como autora, porque ofrecen un espazo no que partillar os teus textos cun grupo de lectores e lectoras que non só están interesadas en ler o que fas senón que queren axudarche a facer que o teu traballo se alimente cos seus comentarios e compartindo as súas lecturas.
Temos grupos para persoas adultas e tamén ofrecemos obradoiros para as persoas máis pequenas.
Traballamos a partir dos textos das propias persoas participantes tentando desenguedellar os mecanismos que os moven para medir o efecto que cada peza ten no conxunto. Trátase dunha técnica contrastada que permite comprobar o efecto que ten o que escribimos nos lectores e lectoras e, á vez, aprender como os distintos fíos do tecido determinan o resultado.
O formato dos obradoiros tenta, ademais, ser flexible para adaptarse aos intereses concretos de cada quen, integrándoos e partindo deles para aprender e expandir os horizontes creativos.
presenciais
Encántanos reunirnos arredor dunha mesa e espallar os nosos papeis. Polo de agora, estas dinámicas estarán supeditadas á posibilidade de realizar reunións presenciais, pero estamos abertas a todas as posibilidades se hai quórum (grupos de até 15 persoas). Contáctanos para saber que plans de obradoiros temos na axenda. E, se fas parte dunha institución, pregúntanos polas modalidades de obradoiro que ofrecemos en paquetes pechados.
en liña
Pensamos que, se algo tivo de bo este tempo de estarmos metidas na casa foi quitarnos un pouco a precaución coas contornas virtuais. O obradoiro en liña permítenos seguir traballando cando non é posíbel reunirnos de forma presencial e, ademais, ofrece máis posibilidades de participación para persoas con problemas de horarios ou de localización. A dinámica é a mesma dun obradoiro presencial e os grupos son máis pequenos (até 7 persoas).
convocatorias abertas
Outono-Inverno-Primavera
Abrimos diversos obradoiros que comezarán a traballar en setembro de 2022. Sesións quincenais en grupos pequenos para persoas adultas e tamén para a cativada. Diversos horarios.
Obradoiros individuais
Organizámonos a medida das necesidades do teu proxecto literario. Cóntanos a túa idea e facémosche unha proposta.
Agasalla un obradoiro!
Sabes de algunha persoa que escriba? Agasállalle un bono de tecedeiras e convídaa a participar dun dos nosos obradoiros.