preguntas frecuentes (FAQ)

Un obradoiro é para xente que xa escribe? Ou vale tamén para xente que quere escribir?

As dúas.

Cal é a dinámica de traballo?

O obradoiro é un espazo de encontro para ler e comentar textos literarios. En principio, a dinámica consiste en que as persoas participantes traen textos con copias (nos obradoiros en liña, envíanos antes da sesión). Cada obra repártese, tomámonos un tempo para ler os textos (nos obradoiros en liña a idea é chegarmos á sesión cos textos xa lidos) e adicámoslle un tempo a comentala. Tentamos, na propia sesión, ofrecerlle ao autor ou autora unha serie de valoracións construtivas que lle permitan traballar o texto ou dispoñer de pistas para acadar mellores resultados en textos novos. Ocasionalmente damos algunha “consigna” para traballar algún aspecto concreto do texto literario a partir das cousas que van xurdindo na sesión ou das cousas que as persoas participantes nos piden.

E funciona sempre así?

En xeral si, pero a dinámica de traballo permite adaptarnos ás necesidades de cada grupo.

Quero escribir pero non sei como empezar. Váleme?

Si, claro. En xeral os obradoiros adoitan funcionar con material que as persoas participantes achegan de xeito espontáneo. Pero hai grupos (ou persoas dentro dos grupos) que necesitan ese primeiro impulso para empezar un texto. Nestes casos, tentamos ofrecer “disparadores” para a elaboración de textos.

Danse clases teóricas sobre literatura?

Non se dan clases teóricas sobre aspectos técnicos en xeral senón que as cuestións técnicas vanse descubrindo nos textos que imos lendo. É un proceso talvez máis lento pero que permite interiorizar moito mellor os conceptos e comprender como as cuestións técnicas teñen aplicación real nos textos concretos.

É obrigatorio achegar textos a todas as sesións?

Non. Aínda que a maioría das persoas participantes si que o fan. Pero tampouco o fai todo o mundo sempre. E hai persoas que precisan o seu tempo até sentirse cómodas no grupo e empezar a compartir os seus textos co grupo.

É obrigatorio comentar os textos?

Non, claro. Ademais, comentar textos non é doado! Leva un tempo aprender a facelo dun xeito que resulte útil ao autor ou á autora. En todo caso, a idea é que, aprendendo a comentar os textos das demais (e, por suposto, escoitando os comentarios que nos fan os compañeiros), aprenderemos a entender mellor como funcionan o noso propio traballo.

Poesía? Relatos? Teatro?

Poesía, relatos, teatro, híbridos, experimentacións, novelas… Con algunhas limitacións prácticas, no obradoiro cabe case todo.

Para que idade están orientados os obradoiros?

Agás nos casos en que se faga unha convocatoria específica, en principio os obradoiros están dirixidos a persoas adultas. Pero, na práctica, isto só exclúe as crianzas máis cativas. A partir de 12 anos (dependendo da madurez de cada persoa) pode ser unha boa idade para empezar. E non te preocupes se pensas que es pequeno e van ser todas persoas maiores: os obradoiros son lugares amables e divertidos. E son máis interesantes e útiles canto máis diversidade hai entre as persoas que participan. A idade máxima é 144 anos.

Tes máis preguntas?

Escríbenos por calquera das vías que aparecen na sección contactos e tentaremos aclararchas.