Carmen González Fernández premiada no certame Vila de Pontedeume

Carmen González Fernández foi alumna de Tecedeiras nos cursos de verán de 2020. Non tardou moito en sorprendernos coa súa soltura para a narración e co xeito tan persoal da súa escrita, unha base de partida coa que foi un pracer traballar e que nos fixo agardar grandes cousas do seu futuro. Hai unhas semanas, as nosas predicións pareceron comezar a cumprirse. A roda que sempre xira, da nosa antiga alumna, gañaba a edición deste ano do certame de contos Vila de Pontedeume. Sen dúbida, un dos moitos éxitos que agardan por Carmen, a quen lle desexamos o mellor.