A literatura é, seguramente, un dos elementos que maior espazo ocupa na miña vida: formación, traballo, lecer… Unha das miñas canles preferidas para entender mellor o mundo, participar nel e a través da que facer medrar amizades e descubertas.
Despois de estudar filoloxía galega e cursos de doutoramento en Teoría da literatura na USC, fixen a miña tese sobre narrativa galega na Universidade de Bangor, en Gales, onde tamén traballei como profesora de galego e de español. A miña especialización céntrase na teoría da literatura, a literatura galega contemporánea e os estudos literarios feministas.
Participei en diversas publicacións colectivas, en recitais e no consello editorial da revista literaria Dorna. O meu primeiro libro, Fase de trema, foi galardoado co premio Xosé María Pérez Parallé e nos últimos anos téñenme dado moitas alegrías Coleópteros, editado por Chan da pólvora despois de gañar o Premio Leiras Pulpeiro, e Aderyn, o proxecto poético-musical que comparto co músico David Miranda e que podedes escoitar aquí: https://aderyn.bandcamp.com/releases