Con 21 anos abandonei a carreira de Dereito para dedicar a miña vida á literatura. Desde entón, iniciei unha traxectoria como creador que destacou principalmente na poesía, ámbito no que recibín varios premios con libros como Tanxerina, Blues da Crecente ou Marco Livorno, ademais de figurar en distintas antoloxías. Até a data publiquei tamén tres libros de narrativa, e recibín o Premio Lueiro Rey de Novela Curta con Outono aquí, obra que foi traducida ao castelán. A miña traxectoria atendeu paralelamente á liña académica, son doutor en Teoría da Literatura, cunha tese sobre a literatura galega de posguerra que foi publicada no 2020, ademais de colaborar como crítico en distintos medios xornalísticos.