A miña vida ten moitas facetas diferentes. A literatura ocupa un espazo central pero tamén teño estudos de informática e turismo. Empecei a escribir nun obradoiro literario en Buenos Aires nos anos 80 do século pasado. Despois fixen cursos de formación de coordinación de obradoiros na Universidade de Buenos Aires antes de emigrar. Participei en obradoiros literarios en Caracas e, xa na Galiza, comecei a coordinalos en 1996 e nunca deixei de facelo, só ou acompañado. 10 autores e autoras que traballaron nos meus obradoiros teñen hoxe os seus primeiros libros individuais publicados! Colaborei (e colaboro) en diversas experiencias editoriais e axudo a dar forma a un par de certames literarios. A miña obra poética en galego conta xa con case 20 títulos polos que obtiven algúns premios e moitas alegrías.