Neves Soutelo

Dende que teño memoria, sempre viaxan comigo un libro, un par de bolígrafos e un caderno. E é que quizais hai algo de premonitorio nisto de medrar nunha casa chea de libros cun xardín cheo de flores –tal que na máxima de A. Lang–, co son acompasado dunha Refrey como banda sonora dos días: puntada a puntada, construíase paseniño o mundo arredor e a súa narrativa.

Escollín a Historia como campo de estudos, e especialiceime en Paleografía e Patrimonio bibliográfico e documental. Completei toda esa formación co violín nunha man e os manuais noutra; e coa Antropoloxía.

En 2007, din certa orde a un feixe de poemas soltos ata compoñer un libro que foi galardoado co XX Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Ao meu primeiro Código poético seguírono outros tres máis: Diáspora, Nestes días e A boa filla. No traxecto, convidáronme a participar en diversas publicacións nacionais e internacionais, en recitais de bar e en prensa.

En 2015, despois de pasar por moitos e moi diferentes empregos, achegueime con respecto á dinamización cultural, aos clubs de lectura e aos obradoiros de escrita. Hoxe, xunto con todo o anterior, traballo como correctora editorial e formo parte do corpo docente de XeoHistoria no ensino público. No meu tempo libre, aprendo composición de maquetas con InDesign, leo rápido e escribo amodo.

Porque sempre foi o libro.

Porque é e será.