Que é un obradoiro de escrita (e 2)

Hai un par de días expliquei brevisimamente en que consiste un obradoiro de escrita. Quedou pendente comentar cal é o papel das coordinadoras no seu funcionamento.

Os obradoiros funcionan todos de formas diferentes. Existen varias escolas e requírense necesariamente diversos enfoques en función do tipo de obradoiro, a duración, se son ou non temáticos, o tipo de público ao que van dirixidos e os tipos moi particulares de persoas que se encontran, máis ou menos casualmente, en cada grupo. En principio, os nosos obradoiros funcionan a partir dos textos que achegan as persoas participantes e a dinámica de traballo consiste en ler e comentar cada un destes textos. A idea é que aprendamos a ser lectores e lectoras máis activas e atentas.

Unha das tarefas máis importantes do obradoiro (tamén unha das máis difíciles) é aprender a comentar os textos. Pero aquí reside a clave. Porque comentando os textos dos demais é como aprenderemos a comprender o funcionamento dos nosos propios textos.

O primeiro que ten que facer quen coordina un obradoiro é, pois, dar pistas para que, pouco a pouco, aprendamos a descubrir nos textos dos demais os elementos que fan que funcionen ben ou non tanto ou mal.

Segundo asunto: o coordinador é unha persoa con maior experiencia no funcionamento do sistema literario. Compartir esa experiencia é tamén unha das súas funcións.

E hai un terceiro traballo fundamental que consiste en amosar fiestras (diversas voces, libros, textos…). A partir do que se vai lendo e facendo en cada sesión, a partir do camiño que semella querer andar cada participante, a orientación cara a novas lecturas permitiranlle ao grupo ampliar os horizontes, alargar o espectro de intereses e entender os roteiros trazados xa antes ca nós por outras autoras e autores.

Todo isto, tentando respectar a aposta persoal de cada quen, procurando alimentar cada voz na súa propia autenticidade.