Os obradoiros de escrita son hoxe un concepto relativamente habitual. Pero non son un invento novo. Algúns levamos facéndoos na Galiza desde a década dos 90 do século pasado. Noutros sitios teñen máis tempo aínda. Nos países do sur de América foron un espazo de resistencia durante as ditaduras dos anos 70 e no Reino Unido ou nos Estados Unidos as escolas de escrita teñen longa tradición e mesmo atopan sempre o seu espazo máis ou menos destacado na oferta formativa das universidades.
Que é un obradoiro de escrita?: é un lugar de encontro para persoas que escriben literatura (ou que queren aprender a facelo). A escrita literaria adoita ser unha tarefa solitaria e para autoras e autores dar o paso de amosar o seu traballo a outras persoas é difícil, ás veces moi difícil.
O obradoiro constitúese así nun espazo de confianza no que un pode compartir os seus textos con persoas que están interesadas en lelos e comentalos. Isto permítenos avaliar o efecto que o noso traballo ten en lectores e lectoras reais. Aprendemos a detectar os mecanismos interiores do texto dos demais e iso axúdanos a entender como eses mecanismos tamén están presentes nos nosos propios.
Ademais, o intercambio con outras persoas que están facendo os seus propios camiños como autoras axúdanos a enriquecer a nosa ollada e a ampliar as nosas perspectivas.
Queda por ver cal é o papel das coordinadoras do obradoiro. Diso falarei nunha próxima entrada.