Ir directamente ao contido
tecedeiras
  • inicio
  • que ofrecemos?
  • quen somos?
  • blogue
  • contacto
texturas

Os guións de diálogo

Subido 10/07/202012/08/2020 Eduardo Estévez

Con frecuencia atopamos nos obradoiros textos en prosa que inclúen diálogos. Pero os procesadores de texto son ferramentas que están pensadas sobre todo para as persoas que traballan en oficinas e non para as que escriben literatura e as configuracións estándar fan que algunhas cousas que facemos as persoas que nos dedicamos a escribir non sexan tan evidentes. Por iso, son raras as veces en que estes textos con diálogos chegan aos obradoiros coa puntuación e os sangrados como corresponde.

Velaquí vai, pois, unha guía básica sobre a utilización da puntuación e o sangrado nos diálogos e un tip para evitar o erro máis frecuente debido ás opcións por defecto dos procesadores de texto.

Para empezar, unha única indicación a respecto do sangrado nos parágrafos de diálogo: estes parágrafos deben manter o sangrado exactamente igual que o resto de parágrafos do texto. Isto non adoitamos velo así porque normalmente os procesadores de texto traen activada unha opción que axuda a crear listas automáticas. Logo, cando pulsamos Intro para rematar un parágrafo que comezaba por un guión, o procesador de texto supón que estamos tentando crear unha lista e modifica os sangrados.

O tip é sinxelo: nas opcións de autocorrección (normalmente dentro do menú “Ferramentas”) cómpre desactivar a opción de listas automáticas. Cando esta opción está activada, suceden cousas como esta:

cando o que realmente precisaríamos é algo así:

Imos agora á cuestión dos guións, que ten máis tela que cortar.

O primeiro que cómpre dicir é que, en galego, o guión de diálogo non é o mesmo guión que usamos normalmente para separar palabras compostas ou para cortar unha palabra que non cabe enteira no final dunha liña. Para os diálogos cómpre utilizar o chamado “trazo longo” (que é o que se ve nas imaxes anteriores).

O parlamento do personaxe debe empezar nun parágrafo novo e cun trazo longo. A continuación, pegada, vai a primeira palabra do diálogo. Como na imaxe anterior.

Como se pode ver, cando o parlamento ocupa a totalidade do parágrafo, non se coloca outro trazo longo para pechar o parlamento.

Vexamos agora que sucede cando, dentro do mesmo parágrafo, queremos incluír unha indicación do narrador. Existen dous casos:

O primeiro é cando a indicación do narrador vai até o final do parágrafo: neste caso, cómpre poñer un trazo que introduza o inciso do narrador. Este trazo vai separado da última palabra do diálogo por un espazo e pegado da primeira palabra do inciso. Neste caso, o punto da oración vai ao final do inciso:

Notade que, como o inciso empeza por un verbo de fala (dixo, explicou, expresou, respondeu, preguntou, …), non leva maiúscula inicial e vai incluído dentro da mesma oración.

Hai unha excepción no uso da puntuación cando o inciso comeza por un verbo de fala e é cando o fragmento de diálogo remata en exclamación, interrogación ou puntos suspensivos. Neste caso, estes signos colócanse ao remate do diálogo e antes do inciso e o inciso mantén a súa minúscula inicial:

Se o inciso é unha oración independente que non comeza por un verbo de fala, entón a puntuación cambia un pouco:

O parlamento do personaxe remata na palabra “diálogo” e leva un punto a continuación. O inciso do narrador comeza con maiúscula.

O segundo caso é cando o inciso do narrador é unha pequena anotación no medio do parlamento do personaxe. Aquí si compre rematar o inciso cun trazo longo e cómpre mirar con atención o uso correcto da puntuación:

Nótese:

-que o trazo que marca o peche do inciso vai pegado á última palabra do inciso e separada da continuación do diálogo cun espazo
-que a coma que pecha a primeira parte do diálogo (que, se non estivese o inciso, estaría despois de “Eu son o personaxe”) agora está despois do trazo que pecha o inciso
-que se mantén a minúscula no inicio do inciso porque comeza por un verbo de fala.

Cando o inciso non comeza por un verbo de fala, a puntuación cambia tal que así:

Como iniciamos unha oración nova no inciso, a oración do parlamento do personaxe debe pecharse cun punto antes do inciso. É importante observar que o punto do inciso vai despois do trazo longo de peche. A continuación, comeza unha oración nova do diálogo polo que cómpre unha nova maiúscula.

Hai ocasións nas que o personaxe é moi falador e o seu parlamento esténdese por varios parágrafos. Neste caso, para indicar que o parágrafo que vai despois do punto e aparte é continuación do parlamento do personaxe, utilízanse comas latinas de peche como no exemplo seguinte:

Cada un dos parágrafos seguintes, mentres siga falando o personaxe, indícase cunha coma latina de peche no inicio e o último tamén ao final, para indicar que alí si que remata o parlamento do personaxe.

Orabén, por que no 99% dos textos que chegan ao obradoiro aparecen guións curtos en lugar de trazos longos? Porque o trazo longo non aparece de forma doada no teclado e cómpre facer cousas estrañas para poñelo. Hai diversas solucións a este problema. A máis práctica é crear unha macro que escriba o trazo longo e asignar a execución da macro a unha combinación de teclas. É un proceso que leva uns minutos pero, unha vez feito, xa queda para semp… até que merquemos un ordenador novo ou reinstalemos o sistema operativo.

Nesta páxina explícase como facer isto en LibreOffice Writer: https://josescobedo.com/como-usar-la-raya-de-dialogo-en-libreoffice/

Nestoutra páxina explícase como facelo en Microsoft Word: https://www.tuexperto.com/2016/10/04/todas-las-opciones-para-meter-guion-de-dialogo-en-word/

Ogallá vos sirva.

diálogosguións de diálogonarrativatrazo longo

Navegación de entrada

⟵Onde poñer o pé esquerdo
Convocatoria curso 20-21⟶

buscar na páxina

historial de entradas

categorías

  • en liña
  • obradoiros
  • texturas
  • work

nube de etiquetas

alumnado anáfora audiovisual cita cursos de verán diálogos escribir escrita creativa escrita literaria experiencia filmes gaitafilmes guión guións de diálogo hipérbato literatura galega María Lado mecanografía máquina de escribir narrativa obradoiro de escrita obradoiro literario obradoiros obradoiros de escrita obradoiro xuvenil pacto ficcional poesía premios puntuación recursos literarios rima saúl rivas sesión aberta tarkowski teatro tecedeiras trazo longo técnica Ursula K. Le Guin verosemellanza

Sydney is a powerful business theme that provides a fast way for companies or freelancers to create an awesome online presence. Also, Sydney provides all the construction blocks you need to rapidly create an engaging front page.

About Us

  • quen somos?
  • o noso traballo
  • o equipo
  • contacto

Services

  • Obradoiros presenciais
  • Grupos en liña
  • Proxectos persoais
Ofrecido fachendosamente por WordPress | Tema: Sydney de aThemes.

Este sitio web utiliza cookies para ofrecer unha experiencia de usuario axeitada. Se continúas navegando estás dando o teu consentemento para a aceptación destas cookies e da nosa política de cookies. Se precisas maior información fai clic aquí.

ACEPTAR
Aviso de cookies